A cita co Rockin’ enche Carballo

O San Xoán carballés toca ao seu fin e onte houbo cita de rockeiros no Rego da Balsa. Aínda non eran as once da noite cando comezaba o Rockin´ coa música dos Apart, un dos grupos máis emerxentes da capital de Bergantiños. Sorprendeu coma sempre a forza no escenario da vocalista interpretando temas compostos polo propio grupo.

A continuación, o trío madrileño The Government foi a introdución perfecta ao que estaba por vir. A carpa empezou a quedar pequena para as actuacións máis esperadas. A fouce e o pinta-beizos de Idealipsticks espertaron aos que aínda non comezaran a bailar. O veterano grupo manchego entregouse ao máximo no escenario: presentaron temas do seu novo EP e repasaron algúns dos seus dous discos anteriores. Jave, o guitarrista, lembrounos que xa non é fácil ter festivais da calidade do Rockin´ de balde.

idealipsticks-rockin

Idealipsticks no Rockin Carballo

O cantante de Wau y los Arrrghs baixou do escenario no último tema.

O cantante de Wau y los Arrrghs baixou do escenario no último tema.

A última banda do cartel non deixou indiferente a ninguén. Dende o instante en que subiron ao escenario Wau y los Arrrghs, o público non deixou de mover o esqueleto ao ritmo do seu garaxe salvaxe. Tema a tema non quedou unha alma sen vibrar coas cancións interpretadas polo emblemático cantante e as súas coreografías. O intérprete atreveuse a baixar ata a area, onde os presentes se entregaban a gastar as zapatillas e corear himnos imposibles. Tal e como prometeran, o seu directo rematou coa xente suando, rindo e con ganas de beber e follar.

Por último, os dj´s Airton&Senna tardaron en colocar o set e non estiveron á altura dos concertos da noite. Pouco a pouco o público foi abandonando a carpa para dirixirse aos locais máis próximos da movida carballesa. Parafraseando a Wau y los Arrrghs, a cidade non é para nós, sempre que haxa festivais da calidade do Rockin´ na Costa da Morte.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario