Xullo festivaleiro: Asalto, Solpor e Nordestazo

Nada máis comezar o verán a Costa da Morte énchese de música con romarías, festivais e verbenas. O mes xullo trae tres citas festivaleiras: Asalto ao Castelo, Festival Solpor e Nordestazo Rock. No Compás invitámoste a coñecelas un pouco mellor estes tres eventos cun estilo musical ben distinto.

ASALTO AO CASTELO  -Vimianzo, 5 xullo-

O Asalto chega á súa XIX edición coma unha das festas con máis sona da volta. O que comezou coma unha lembranza das loitas irmandiñas contra a nobreza do Castelo, consolídase coma a cita folk máis importante da comarca. Estes últimos anos pasaron pola vila soneirá grandes nomes coma Berrogüetto, Luar na Lubre e Budiño. Na mesma liña, o cartel deste ano está encabezado por Kepa Junkera e Susana Seivane, aos que acompañarán Samarúas poñendo o acento local e Muyayo Rif para a fin de festa.

O “Xogo de tronos” das Terras de Soneira

FESTIVAL SOLPOR -Ponteceso, 19 xullo-

Ponteceso acolle un novo festival de música que pretende impulsar os grupos que non teñen posibilidade de tocar noutros festivais. O Solpor aposta polo talento costeiro nunha fusión de estilos que van dende o rock, o rap e o reggae ata a música disco. O cartel aínda non está pechado pero contan con Not Only Shills, 2Strings, Brandy Four, Spider Krabs e varios dj´s. Aínda non coñecemos o recinto do festival nin o prezo das entradas.

Entrevista a Xabier Herranz, organizador do Festival Solpor

NORDESTAZO ROCK -Malpica, 26 xullo-

O peirao malpicán encherase un ano máis ao son das guitarras rockeiras. Encabezan o cartel do sexto Nordestazo tres grandes mitos do rock español: Los Enemigos, Barón Rojo e El Drogas. Pola banda galega chegan Terbutalina, Anima, Monoulious DOP e Los Mecánicos. As entradas xa están á venda na internet e puntos físicos. Inclúen acampada de balde. Non perdas a tralla!

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario