“Cando un festival está ben ancorado nas raíces ten un plus importante” Kepa Junkera, no Asalto ao Castelo

banner-asalto14

Entre Segovia e o San Fermín de Iruñea, o músico máis internacional do País Vasco, Kepa Junkera, fai unha parada en Vimianzo este sábado para celebrar cos irmandiños a toma da Fortaleza no Asalto ao Castelo. Á 1 da madrugada, entre txalarpa, trikitixa, irrintzis, pandeiretas vascas e sons de Galicia o campo da festa tremerá ao ritmo de Galiza

Kepa Junkera declárase namorado de Galicia. /Foto: kepajunkera.com/

Kepa Junkera declárase namorado de Galicia. /Foto: kepajunkera.com/

Coñecías o Asalto ao Castelo?

Non o coñecía, nunca toquei alí. Por iso o collo con ilusión, sempre está ben actuar por primeira vez en sitios novos. Contáronme que hai historia por detrás e que a partir de aí sae o festival.

Pois trátase dunha especie de Toma da Bastille, pero no século XV, onde os irmandiños cansos de aturar ós señores ármanse e destrúen os seus castelos. Até 150 din que arrasaron!

Pois é potente a historia!

Poderíase facer unha canción.

Poderíanse facer 150 cancións (risas).

E que che parece a idea? Non a de queimar castelos, a de recuperar a historia. 

Cando participas nalgo que non é artificial, que ten un pouso e unha boa historia, é moito máis interesante. Hai festivais que se montan por calquera razón, pero cando un está ben ancorado nas raíces a min paréceme que ten un plus importante.

Os irmandiños van bailar coa túa música xusto despois de asaltar a fortaleza. Como vai ser o concerto? Tranquilo ou guerreiro?

A esas horas… Como non esteas guerreiro, lévala clara! Aínda por riba co ritmo que ten a xente galega! Vai ser un concerto moi rítmico, moi alegre e divertido.

“Para min é un soño e algo único na miña carreira.”

Oportunidade ademais de presentar novo traballo. Como te atreviches a dedicarlle un disco á Galiza?

Que como me atrevín? (Ri.) Pois con moitas ganas, porque son un namorado de Galicia, de tantos amigos que teño aquí, da súa música, das súas melodías… De tantas cousas que vivín e gocei. Por iso pensei en crear algo coa visión que teño propia da música popular desta terra que tanto admiro. Pasándoa polo meu, coa trikitixa ou a txalaparta, pero deixando esa materia prima bastante pura. Sen tratala moito, porque xa ten por si soa unha forza incrible. Con moito orgullo púxenme mans á obra e para min é un soño e algo único na miña carreira, polo feito de adentrarme noutra cultura. Ademais estou moi agradecido a todos os músicos de Galicia que fixeron que fora un traballo sinxelo de realizar. 

http://www.youtube.com/watch?v=QJ3x_5Ug5Vk

Entón foi fácil reunir a todos os músicos que colaboraron? Porque no disco están case todos os coñecidos!

A cultura galega é inabarcable, porque en cada lugar polo que viaxei atopei músicos. No disco están os amigos que fun coñecendo durante máis de vinte anos. Funos chamando, conteilles a historia e pareceulles moi interesante. A partir de aí empezamos a traballar. Comezas un día pouco a pouco e cando te decatas xa tes o proxecto rematado! E cando tes esta consciencia do tempo é que o pasaches ben. Doume pena até acabalo!

Un dos músicos que traballou no disco é Pazos de Merexo, acordeonista, por certo, referente da Costa da Morte.

Pareceume moi bonito poder facerlle unha homenaxe a Manuel Pazos, con esas tradicións das persoas que amaron moito a música e que a seguen amando.

Aínda hai pouco tocaches con el en Cans. 

Si, porque están preparando unha especie de curta sobre unha viaxe que fixo a un concerto ó que lle convidei en Pontevedra na presentación de Galiza. Manuel ten unha enerxía incrible! E a curta ten boa pinta, vimos un adianto e creo que vai ser moi interesante ver ese documento único.

http://www.youtube.com/watch?v=HofV1jIjOhE

Falas moito da canteira de músicos que hai neste país. 

É que é a máis potente que coñezo de toda a península! Nunca tiven unha experiencia tan forte como a que tiven en Galicia. Xente de todas as idades, que tocan por unha necesidade vital que teñen, incluso de continuar as sagas. Das canteiras máis poderosas que coñezo!

Como se conxugaron os ritmos vascos e galegos no álbum?

Para min somos culturas irmás, que compartimos ritmos e melodías, pero que tamén temos diferenzas que fan posible este tipo de encontros. Unir esas marchas coas muiñeiras, xotas, fandangos, e unir eses ritmos coa pandeireta, coa triki… Faime moi feliz. É algo que fun xestando na miña cabeza e que cando tocou traballar xa tiña traballo adiantado.

Que tal te levas coa gaita? Sabes tocala?

Eu toco un instrumento moi curioso, como é a alboka. E a gaita encántame, ten un son incrible, en especial a gaita galega. Gústame moito a tesitura que ten. En Vimianzo vou estar cos músicos que me acompañaron na xira que son espectaculares. Tocando por quen estivo no disco, como Budiño, Cristina Pato, Susana Seivane…

Que ides compartir escenario!

Con Susana teño unha relación moi familiar desde hai moitos anos, con moita amizade con toda a súa familia. Faime moita ilusión poder estar esa mesma noite.

Kepa Junkera presenta Galiza en Vimianzo.

Kepa Junkera presenta Galiza en Vimianzo.

Para rematar, Kepa, bota un aturuxo de guerra, como os de Galiza,  para animar á xente a que non falte. 

(Ri.) Si, no disco hai uns moi bonitos. A entrada co tema de Cristina Pato encántame. Algo que introduce moi ben o que vai ser o proxecto. Pois iso, que encantado de compartir a experiencia. Seguro que vai haber bo ambiente!

Máis información:

- O Xogo de Tronos das Terras de Soneira

- Os irmandiños de Vimianzo xa están preparados para o Asalto ao Castelo

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario