“O Asalto é para nós unha oportunidade de luxo para amosar a nosa música” Samarúas

banner-asalto14

Aos rapaces do Samarúas non lles chegan as horas de ensaio durante esta semana. De feito contestaron ás preguntas cos instrumentos aínda na man no medio das probas. Os nervios son moitos, pero as ganas tamén. Son máis dun sesenta por cento Costa da Morte, polo que o Asalto non lles é alleo. É máis nunca faltan á cita. Comezan a súa andaina a finais do ano pasado e no seu curto traxecto xa contan cun premio: encabezaron o SondoBarbansa despois de gañar o Querostar. Agora tócalles encabezar o cartel deste sábado, da noite irmandiña.

collage SAMARUAS NOMES

Aínda non cumpristedes un ano de vida e xa ides actuar no Asalto ao Castelo. Como vos sentides?

Antonio: Para nós é unha oportunidade de luxo para amosar a nosa música. Non levamos nin un ano e de súpeto semellante escenario, compartindo cartel con Kepa Junkera e Susana Seivane, que para nós son referentes. Para nós vai ser unha noite espectacular!

Fran: Para nós, de momento, é o máis parecido a tocar na casa. E por iso, sempre é unha responsabilidade pero que tamén leva unha ilusión detrás considerable. Levamos tempo traballando para facelo o mellor posible.

Entón, sorpresa e alegría?

Tania: Claro que o collemos con alegría. Dos seis que somos, catro somos da Costa da Morte, e eu son de alí mesmo. Fomos varias veces ao Asalto ver grandes grupos e subir nós ao escenario impresiona bastante.

Todos coñecíades a festa?

(“Si” a coro.)

Fran: E todos fomos! Desde que saímos de festivaleo e os patróns da casa deixan non perdemos unha ocasión!

Pero que idades tedes?

Antonio: Os máis vellos 23 e o máis novo aínda non é maior de idade, ten 17. Carlos, o guitarrista.

Como vos coñecestedes?

Fran: Carlos é meu irmán.

Carlos: O meu foi por enchufe (Rin.)

Fran: Pois cando tivemos que saír de Vimianzo e chegar á Coruña, alí coñecemos a Miguel e Antonio que sentaron as bases do proxecto. E cada un traendo xente do seu lado fomos chegando á formación actual. Caso curioso foi o de Antía, que foi grazas a unha entrevista… do Compás!

En serio?

Antía: Manuel, conseguístesme choio, ti!

Vaia sorpresa!

Antía: A vez que fun tocar á Carballeira cos Cempés, fixérasme unha entrevista na que comentaba que me encantaría formar un grupo…

Antonio: Ela dicía que tiña a nosa idade e que quería facer o mesmo que nós.

Fran: E aínda por riba era da Costa da Morte!

Antía, como te sentiches coa chamada?

Antia: Moi contenta! Buscaba algo asi desde o principio. Sentínme moi cómoda co grupo e coa música.

samaruas saudaa

Onde vos reunides para ensaiar?

Fran: Quedamos na Coruña, é o punto neurálxico. Antía estuda en Compostela e mandala vir a Camariñas ou Vimianzo desde alá era un pouco complicado. E pola semana todos estamos na Coruña tamén.

Antonio: Nun principio turnabamonos. Unha fin de semana en Camariñas e outra na Coruña.

https://www.youtube.com/watch?v=m6shr4dCNAM

E como descubrístedes a voz de Tania?

Tania: Comentoumo Fran un día na clase, xa que estudamos xuntos na Universidade. Apetecíame entrar nun grupo, contáronme que ía haber un cásting moi amplo e eu prepareime. Cheguei toda nerviosa alí e xa vin que tiña o traballo feito…

Fran: E bordou o cásting, eh, todo hai que dicilo! Foi a mellor.

Tania: Estaba eu soa! (Risas.)

Fácil foi a cousa. Canto tempo levas cantando?

Tania: Levo catro anos indo ao Conservatorio. Gústame desde pequena. Os estudos musicais son unha axuda pero tampouco están moi vinculados coa miña forma de cantar polo que houbo que buscarse a vida un pouco por aí. Desde pequena me gustou a música tradicional, incluso bailaba con tres aniños. Non son moi boa, pero algo sei.

concerto samaruas 

Volvendo ó Asalto, que vos parece o recordo histórico das revoltas irmandiñas?

Fran: O Asalto é unha festa que está máis vixente ca nunca. Hoxe por hoxe a Revolta Irmandiña é un exemplo para vivir o día a día que nos tocou habitar.

Carlos: Pensando desde un punto de vista menos serio, máis festeiro, sempre me pareceu unha festa criminal. É xenial que recreen a historia e que nos ensinen como foi a batalla, porque claro… Ningún de nós estabamos alí! (Rin.)

Fran: O mellor é a implicación da xente da vila. Unha festa que cada ano vai tendo máis relevancia sen que haxa un gran organizador detrás. Que sexa unha vila que a súa xente se organice para colaborar.

Fran, ti tocas o acordeón, e despois chega Kepa Junkera. Non che gustaría subir ó escenario con el?

Fran: Para calquera acordeonista é un soño poder compartir músicas con Kepa. Tocando cos cantareiros de Xacarandaina compartimos unha Gala do Cocido en Lalín e iso foi apoteósico. Cando cho din, tremes, asústaste, pero despois é unha persoa moi próxima. É todo moito máis natural despois e quítaselle ferro ó asunto.

fran trashorras

Miguel, gaiteiro, tamén terás ganas de ver a Susana Seivane?

Miguel: Claro! Todos os grupos que reivindiquen a música tradicional son fantásticos. Susana é un referente non só da música, senón da gaita en si como instrumento.

Sabedes que tedes a misión de animar ás tropas irmandiñas antes da Revolta. Como o ides facer?

Antonio: Iso está feito, non nos preocupa! Vai haber temas novos, sorpresas polo medio do concerto… Todo listo para que ás once e media arda o castelo.

Pregunta clave. Para cando a voso primeiro disco?

(Suspiro colectivo.)

Fran: Aínda non o pensamos. Levamos menos dun ano tocando. O Asalto é o cuarto concerto que facemos. E de momento, gravar un disco quédanos algo lonxe. Si é certo que temos composicións propias, que temos repertorio e que a posibilidade dun disco non é descartable nunca, pero de momento non é algo que estea dentro dos nosos obxectivos. De momento só pensamos no Asalto, bordalo e pasalo o mellor posible.

 

Miguel Vázquez – Gaita e percusión

Antonio Prado – Percusión

Tania Caamaño – Voz e percusión

Fran Trashorras – Acordeón

Antía Ameixeiras – Violín

Carlos Barcia – Guitarra

 

Máis información:

- “Cando un festival está ben ancorado nas raíces ten un plus importante” Kepa Junkera, no Asalto ao Castelo.

- O Xogo de Tronos das Terras de Soneira

- Os irmandiños de Vimianzo xa están preparados para o Asalto ao Castelo

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario