“Sen que soe nada raro, nacín con dúas mans, dúas pernas e unha gaita” Susana Seivane, no Asalto ao Castelo

banner-asalto14

Desde Os soños que volven (2009) os seareiros de Susana Seivane esperan ansiosos un novo álbum que poder gozar da recoñecida gaiteira. Ben seguro que moitos deles visitarán hoxe Vimianzo, xa que Susana Seivane é unha pezas clave no programa do XIX Asalto ao Castelo. A partir das dúas da madrugada terá a ocasión de refrescar a memoria cos seus grandes temas, pero tamén de colaborar con outros músicos, como o propio Kepa Junkera. Susana Seivane abre a porta para que poidamos coñecela un pouco mellor e tamén que nos conte cando vai saír ese disco (para outono poderíamolo ter xa!)

susana seivane luar

Como acolleches o convite para tocar no Asalto ao Castelo?

Pois non te podes imaxinar con canta alegría. A verdade é que tiña moitísimas ganas de ir durante estes últimos anos e será a primeira vez que vaiamos. É toda unha honra que pensaran en nós para estar o sábado.

Como coñecías a festa?

Porque é unha das festas máis coñecidas do noso país! E porque tiven a ocasión de ir algunha vez de público, estando abaixo, de irmandiña total.

Que che parece a idea do Asalto de recrear as Revoltas?

Paréceme unha especie de homenaxe todos os anos a esa xente que non se deixou asoballar polos máis grandes. É un tema que está bastante de moda con todas as revoltas nas rúas en contra de quen nos están asoballando e quitando dereitos.

Entón vas dar guerra no concerto?

Eu sempre dou guerra! (Ri.) Ademais musicalmente temos un repertorio bastante divertido, con moita marcha. Trátandose do festival do Asalto ao Castelo de Vimianzo non podía ser menos!

A todo isto, como andas con ese novo proxecto?

Aí andamos! Este ano entre que estiven na radio, na tele de xurado do Vai de gaita, co gran papel de ser mamá tamén… Pois retrasouse bastante. Estamos con el e esperamos que estea gravado en agosto ou setembro para que saia a luz.

“Teño comprobado que se pode durmir a un neno cunha gaita”

Como vai ser?susana seivane embarazada

É un proxecto que non ten nada que ver cos anteriores. Cada peza do disco son experiencias que tiven dende que souben que estaba embarazada, vivindo todo o proceso e as emocións que conlevan até que lle vexo a cara ó meu neno por primeira vez e pasan os seus primeiros meses. Son composicións propias, miñas e do meu produtor Iago Rodríguez. Basándose os meus neses momentos únicos e tan especiais que vivín. É un disco para todo o mundo, pero en especial para as mulleres embarazadas, para durmir ós nenos…

Como se chama o teu fillo?

Chámase Fiz.

Pois case podería levar ese nome o disco…

Pois é unha das ideas, eh! (Ri.) É unha música moi minimalista, moi tranquilizadora e relaxante. Xa me teñen dito, “pero como vas durmir ós nenos cunha gaita?” Pois claro que si! Depende de como a toques, con que instrumento, con que ritmos… Téñoo comprobado co meu e co meu afillado, que si quedan durmidos coa ghaita.

Pero a uns cantos metros de separación, non?

Non, non! Nos cascos! Pero a un volume apropiado, claro!

“Nacer na familia Seivane quere dicir que te vas dedicar á gaita”

E ti, nacendo na familia na que naceches era inevitable que te dedicaras a ser gaiteira, non?

Un pouquiño si… Eu empecei moi cedo. Tamén meu sobriño Brais de seis anos e leva tocando desde os catro, tendo un repertorio de vinte e pico pezas xa. Pero aparte cun virtuosismo incrible para seis aniños que ten. A min sucedeume un pouco o mesmo. Escóitalo na casa, pero tamén me sae de dentro. Levámolo no sangue. Nacer na familia Seivane quere dicir que te vas dedicar á gaita sexa no eido que sexa, tanto na interpretación como na construción. Iso si, foi algo que nunca me obrigaron. Tiña unha gaita feita a medida cando era pequena, e como tiña bo oído musical era capaz de tocar na gaita o que acababa de escoitar. Iso foi unha facilidade a maiores para aprender tan cediño.

Como recibides na familia os últimos premios? Medalla Castelao hai unha semana, e tamén antes o Premio Nacional de Artesanía. 

Estamos todos… Imaxínate! Os premios son un recoñecemento ó traballo. Hai uns anos gañaran o premio Innova de artesanía, digamos que era o premio dos pequenos nacionais. E este ano caeu o premio grande máis a Medalla Castelao. Por iso non podemos estar máis orgullosos! (Eu métome no saco. Os premios foron para o obradoiro, pero mira!)

Que sentimento che transmite a gaita? Uns din que ri, outros que chora. 

Depende do día. Se tes un día morriñento, a gaita parece que chora contigo. Se tes un dia alegre parece que a gaita o festexa contigo. É que como comecei de tan pequena, para min… Non lembro o tempo de cando non sabía tocar a gaita! Para min, (sen que soe nada raro) sempre digo que nacín con dúas mans, dúas pernas e unha gaita. Porque non teño esa lembranza de non saber. A gaita é para min unha parte máis do meu corpo. E aínda por riba teño a sorte de que a miña gran paixón desde pequena agora é o meu traballo.

Iso si que é importante. Xa, para rematar, como animarías á xente a que non falte ó Asalto?

Penso que non vai faltar ninguén, porque ano tras ano o Asalto ao Castelo ten moi boa afluencia de público. O sábado estarei con Kepa Junkera, co que colaborei moitas veces, en moitos discos e en concertos en directo. Seguro que facemos algo xuntos, así que vai ser unha noite tremenda. E por suposto, cos Samarúas e Muyayo Riff a noite vai estar completa!

 

Máis información:

- “O Asalto é para nós unha oportunidade de luxo para amosar a nosa música” Samarúas

- “Cando un festival está ben ancorado nas raíces ten un plus importante” Kepa Junkera, no Asalto ao Castelo.

- O Xogo de Tronos das Terras de Soneira

Os irmandiños de Vimianzo xa están preparados para o Asalto ao Castelo

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario