Agosto musical: Carballeira, Sereas e Piratas, Marea e Valarés

Despois dun mes bailando sen parar en romarías, sesións vermú, verbenas e festivais, no Compás aínda nos quedan folgos para recomendarvos unhas cantas citas no mes de agosto. Velaquí unha selección de festivais de música da Costa da Morte para todos os gustos: folk, rock, pop, indie e ata punk. Pasen, lean, escoiten e escollan.

fstivais_agosto

FESTA DA CARBALLEIRA DE ZAS -2 agosto-

Na Costa da Morte temos a sorte de contar co segundo festival de música máis antigo de Galicia. A Festa da Carballeira leva anos consolidada no panorama do folk e dos festivais de verán. Coma sempre, a troula comeza a partir das seis da tarde no escenario pequeno do campo cos grupos da A.C. Castro-Meda de Zas, da A. C. Brisas do Quenllo e da Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa.

O escenario principal acolle nesta XXXI edición cinco concertos con artistas de catro países diferentes. Dende Costa Rica, un país sen moita tradición folk, rachando estereotipos chega Peregrino Gris, aos que xa coñecemos por actuar na pre-carballeira do ano pasado. A continuación, sobe ás táboas Xosé Manuel Budiño, un dos nosos gaiteiros máis internacionais, que xa acompañou a Kepa Junkera no escenario zasense.

A Carballeira de Velar recibe ademais un vello coñecido, John Whelan, o primeiro artista en berrar Lume! na festa. O acordeonista americano vén disposto a renovar o seu mito en Zas acompañado da súa banda, na que sempre hai sorpresas. Con todo o público en pé chega Calum Heikki, o dúo formado polos virtuosos da frauta e a guitarra Calum Stewart e Heikki Bourgault, que logran un estilo propio combinando a tradición irlandesa, bretoa e escandinava. Para a fin de festa gozaremos con Riobó, a banda formada pola violinista Begoña Riobó, unha nova promesa do folk galego que chega con moita forza.

Como agasallo coa entrada os asistentes recibirán un CD con dúas cancións de cada grupo.

FESTIVAL SEREAS E PIRATAS -2 agosto-

Na súa novena edición o festival Sereas e Piratas presenta un dos carteis máis ambiciosos da súa historia. A organización fai unha aposta moi forte pola combinación de música independente e deporte. Durante o día, a praia de Razo acolle campionatos de mini rampa, voleibol e surf. Haberá actuacións musicais durante toda a xornada e actividades para todas as idades.

A sesión vermú conta co indie pop doce do dúo Linda Guilala e as picadas de Quique Fábrica e Chupalos dj’s. Mentres os maiores gozan da música, os nenos están no Pequepop: obradoiro onde tocarán instrumentos feitos por eles mesmos. Ademais, os carballeses Apart tocarán na terraza de acceso libre a pé de praia durante a tardiña.

Pola noite Sereas ten un amplo cartel de concertos con grandes nomes do indie español. En primeiro lugar, para continuar coa onda local subiránse ao escenario os Arabian Evils. Con eles estará o punk dos vigueses Novedades Carminha e Trajano!, banda que con só dous discos no mercado deixa oír ás súas exóticas letras en todo o estado. Os Tiki Phantons demostrarán que o surf instrumental é perfecto para bailar. Os cataláns tamén impresionarán coa súa estética e actitude sobre o escenario.

O prato forte do festival chega da man de dous xigantes como son Nudozurdo e Delorean. A crítica coincide en sinalar que o punto forte de Nudozurdo é o seu directo. Os madrileños ofrecen en Razo o seu único concerto en Galicia, onde non faltarán ritmos post rock que nos recorden ao estilo de Los Planetas. Pola súa banda, Delorean trae quizais o directo máis bailable da noite. Coa súa combinación de electrónica e indie pop demostrarán por que están presentes na escena internacional á altura de grupos como The Rapture. A festa rematará a altas horas da madrugada coa música de Faber Dj.

As entradas custan 12 euros na venda anticipada e 15 euros no despacho de billetes o mesmo día do festival. Acampada incluída.

FESTIVAL MAREA -14 de agosto-

A nova comisión de festas de Laxe retoma con moita ilusión o festival rock da vila nas vésperas das súas grandes celebracións. Volve o Marea Rock e faino pola porta grande coa mellor música independente galega. A troula comeza no serán coa Patxaranga, que anima as rúas con ritmos ska, mentres Ce Orquesta Pantasma ofrece na praza Ramón Juega un espectáculo para os máis pequenos.

Ao escenario soben en primeiro lugar os laxenses Trolebús para ir quentando o ambiente rockeiro. A continuación, chega o trío Mad Martin co seu rock clásico dos 50 con influencias rockabillies e swing. A banda estrela da noite é sen dúbida Novedades Carminha. O directo dos vigueses é xa lexendario pola súa forza e bo humor que determina baile, baile e máis baile. O Marea remata con Chotokoeu, conxunto moi animado para bailar con ritmos que recordan á fanfarria e ás músicas dos Balcáns.

 

FESTIVAL CON V DE VALARÉS -16 de agosto-

Valarés é unha cita sinalada nos calendarios de todos os amantes da música da Costa da Morte. Nunha paraxe de gran beleza gozamos cada ano cos concertos a carón da praia durante todo o día. Despois da impresionante edición do ano pasado era difícil superarse, pero pode que o consigan cun cartel que está á altura das grandes citas festivaleiras. Nada menos que 14 bandas: dúas internacionais, seis estatais e seis galegas.

The Undertones encabezan o cartel da oitava edición do festival bergantiñán. Dende Derry, veñen demostrar que o bo punk rock segue a estar na onda coa súa única actuación en España. Pola banda do soul e o funk, gozaremos coa impresionante voz de Lisa & the Lips. Canda eles, Valarés recibe a We Are Standard, que dende que foran descubertos no Festival de Benicássim do 2005 non paran de tocar arredor do mundo.

Seguindo a liña do indie estatal, subirá ao escenario Depedro, proxecto persoal de Jairo Zavala que promete traer a Ponteceso unha formación moi especial. Unha aposta segura do festival é Corizonas, grupo que xorde da fusión de Arizona Baby e Los Coronas, que xa nos namoraron na pasada edición do Nordestazo Rock de Malpica. Entre tanta estrela tamén hai lugar para grupos emerxentes, como os murcianos Crudo Pimento.

Así mesmo, a mellor da música galega actual está representada por Triángulo de Amor Bizarro, Escuchando Elefantes, Lowcos, Lady Leño, Cool Funeral e Nano Vinilo. Para cando xa non queden folgos non falta a picada final dos consagrados Elyella djs.

A entrada custa 15 euros máis gastos na venda anticipada e 18 euros no despacho de billetes o día do festival. Inclúe acampada en Balarés a noite do venres e o sábado.

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario