“O rock and roll é para divertirse, e iso é o que vai pasar en Laxe”, Novedades Carminha

Novedades Carminha son Adrián ao baixo, Carlos á guitarra e Xavi á batería. Agochados tras un curioso nome que xorde no ano 2007 en homenaxe a “Carminha e á súa tenda de novidades en lencería cor carne en Santiago de Compostela”, forman unha das bandas de rock and roll de máis proxección a nivel estatal. Os seus concertos non deixan a ninguén indiferente pola súa forza, atrevemento e bo humor. Algo que deixaron patente no Festival Sereas e Piratas, do que aseguran estar moi satisfeitos coa acollida da xente. Mañá repetirán cita na Costa da Morte. Farano no Festival Marea. “Non coñecemos o público de Laxe porque nunca tocamos aí, pero se é como o das vilas da zona seguro que se monta un cristo fino”, apuntan.

Porque en Laxe #haiquestar e a troula cos Novedades Carminha está máis ca asegurada!

NOVEDADES CARMINHA

Din de vós que sodes a máxima referencia do garaxe-pop en español. Cal sería a vosa propia definición?

Somos unha banda de rock and roll en termos xerais. As etiquetas son moi útiles nos supermercados pero non saberiamos unha definición concreta para Novedades Carminha. Un pouco de punk rock, un pouco de pop, algo de garaxe e espírito de cumbia.

Que aporta cada un dos tres á banda? Quen se encarga das letras?

Compoñemos entre todos. Moitas veces desenvolvemos ideas que cada un trae ao local de ensaio ou que saen na furgoneta cando estamos de xira.

‘Quiero verte bailar’, ‘Jódete y baila’, ‘Fiesta tropical’…supoño que ninguén se resiste a bailar nos vosos directos, non?

Hai algún que se resiste pero porque non quere amosar a súa falta de coordinación. A ese o que lle toca é unha ensalada de hostias! O rock and roll é para frotarse, bailar e divertirse, e iso é o que vai pasar en Laxe.

Juventud Infinita, o voso último disco, soa distinto aos anteriores. Como se produce esa evolución musical desde 2009?

A evolución é algo absolutamente necesario. Estamos orgullosos do que fixemos no 2009, no 2014 e do que pasou no medio, pero debemos de intentar ir sempre un paso máis alá.  Estamos totalmente en contra da frase que di que todo tempo pasado foi mellor.

Estivestes hai pouco no Sereas e Piratas de Razo. Un momento para lembrar da noite?

É un festival que nos gusta moito polo musical e polo extra musical. O lugar é unha marabilla, programan con moito gusto, trátannos como señores…Quedamos contentos co concerto e coa resposta do público en xeral.

“Intentaremos tocar a toda hostia. Festón!”

Agora, repetides concerto na Costa da Morte. Que tal é a acollida do público nesta zona?

Non coñecemos o público de Laxe porque nunca tocamos aí, pero se é como o das vilas da zona seguro que se monta un cristo fino. A primeira vez que fomos á Costa da Morte tocamos en Malpica e os rapaces que había alí queríannos tirar ao mar por chamarlles subnormais cariñosamente. Despois acabamos facéndonos moi amigos e volvemos de visita moitas veces.  Así que temos ganas de saber que sorpresa nos espera.

Que ofreceredes no Festival Marea?

Temos ganas de que chegue xoves. Faremos un repaso das cancións que máis nos molan dos tres discos e intentaremos tocar a toda hostia, coma sempre. Festón!

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario