Concertos que souberon a pouco en Valarés

O sol, esta vez si, fixo acto de presenza na praia de Balarés. Quizais por iso os festivaleiros foron máis madrugadores. Unha xornada musical desde a praia para aqueles que non quixeron desaproveitar un dos poucos días de bo tempo. Por certo, foi o único festival no que non choveu esta temporada? Pero non só desde o areal, pois a pé dos escenarios habilitados en dúas zonas distintas a xente tamén gozou coas actuacións de día. Combinación perfecta: verán, boa música e ambiente.

10556255_957675544248409_1926329573160932647_n

A puntualidade, incluso excesiva para algúns, caracterizou Con V de Valarés, tanto na programación de día coma nos concertos da noite, conseguindo case un fío continuo de música. Despois dunha sesión vermú coa pinchada de Disco Mordisco e Nano Vinilo no escenario Praia Sons, chegou a sobremesa co rock-folk sinxelo dos coruñeses Escuchando Elefantes e o directo enerxético dos murcianos Crudo Pimento. Tocaron nun espazo novo, o Eco Sons, máis apartado e na contorna do piñeiral. Máis tarde, xa no escenario á beira da praia, foi a quenda de Lowcos e Cool Funeral, cunha actuación máis atrevida e cañeira.

O festival de noite

10403542_957685854247378_4112743859437491410_n

Lisa&The Lips

Sen apenas dar tempo a recuperar forzas, comezaba a longa noite no escenario principal. Lady Leño, nunha actuación correcta tocaba ante aqueles que non se perderon ningún dos concertos. O público foi a máis con Depedro e a súa excepcional banda con compoñentes de Calexico. Os seus ritmos bailables e as fermosas letras do madrileño animaron os asistentes.

A potente voz de Lisa (Lisa&The Lips) inundou Balarés co seu soul e funk. Sen dúbida, souberon cautivar ao público presente. Tamén o intentaron Corizonas pero non conseguiron levantarnos (si, totalmente subxectiva) como si o fixeron o ano pasado Los Coronas co seu rock instrumental.

Era o momento dos máis esperados da noite, The Undertones coa súa única actuación en España. Non defraudaron os irlandeses cos seus temas máis coñecidos como Teenage kicks ou Here comes the summer.

10547396_957710184244945_326117884218305982_o

The Undertones

Tras eles, Triángulo de Amor Bizarro e We Are Standard. Fantásticos coma sempre os vascos poñendo fin aos concertos. Un apoteósico final sobre o escenario que fixo saltar ao público versionando a Velvet Underground. O peche final, a cargo de Elyella Dj’s. A música continuaba fóra do recinto principal con Disco Mordisco ata case as 7 da mañá. O sol comezaba a saír de novo.

Nesta edición, o festival continuou arrastrando algúns problemas de organización en canto a entradas, que xa se deron en ocasións anteriores. En cambio, un mellor “ecoValarés” foi posible cunha vixilancia na entrada, prohibindo a entrada de vidro. Outro punto a favor: o acceso ao escenario Son Estrella Galicia máis áxil ca o ano pasado, cando se produciron longas ringleiras para entrar. Tamén é certo que a cantidade da xente foi menor.

O sábado subíronse catorce artistas ao escenario pontecesán, dito sexa de paso con estilos bastante distintos entre si. Moitos nomes pero con concertos curtos, deixando a sensación dunha pasada fugaz polo que puido ter sido un intenso festival.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario