“Falamos do aborto con absoluta liberdade, tratando cuestións que tradicionalmente se silencian por incómodas”, Alberte M. e Verónica M.

El: enxeñeiro, poeta e narrador. Ela: poeta, ensaísta e narradora. Alberte Momán (Ferrol, 1976) e Verónica Martínez (Valdoviño, 1976) acaban de gañar o IX Certame de Poesía Illas Sisargas de Malpica polo poemario O episodio, “un cúmulo de impresións, sentimentos e sucesos reais acontecidos durante o período de gravidez até o aborto e as semanas posteriores a este”. Non é a primeira vez que participan neste concurso pero si a primeira que escriben man a man. Falamos cos dous autores sobre a obra -que verá a luz o ano que vén-, o aborto, a poesía e o erotismo.

alberte moman foto

Alberte foi o gañador da II Edición do certame organizado pola A.C. Caldeirón de Malpica.

Gañadores do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Esperabades o galardón?

A verdade é que non podiamos intuír a concesión do premio polas propias particularidades do libro co que nos presentamos. Para poder ter algunha opción o xurado debía posuír un concepto do erotismo moi aberto e tamén podía ser que non considerasen os textos dentro da catalogación requirida.

O xurado sostén que se trata dunha proposta literaria “arriscada”. Canto de atrevemento hai no libro?

Consideramos o libro arriscado porque se aborda o tema do aborto con absoluta liberdade, tratando cuestións que tradicionalmente se silencian por incómodas, así como o propio deterioro intencionado da Sanidade, para facer desta unha simple mercadoría.

Os dous xa participastes neste concurso en anos anteriores, pero por separado. Cal foi a razón para traballar xuntos nesta obra? Quen dos dous leva a iniciativa?

Traballar xuntos era algo que pensabamos desde había moito tempo, só que non atopabamos a fórmula axeitada. Desta volta, logo dun primeiro poema escrito por Verónica, abriuse a porta da colaboración. O caso é que temos formas moi distintas de abordar o texto e pensamos que a combinación de ambas podía dar un resultado efectivo.

Autores xa de varios títulos eróticos. Como foi a incursión neste xénero?

O ‘xénero’ non ten máis valor có dunha simple etiqueta. Hai moitas obras que poderían estar incluídas nel pero que non o están porque se trata dun tema que provoca un rexeitamento inicial, por reducionista. O erotismo non deixa de ser un acto político e, como tal, abrangue todos os apartados da sociedade. Nunha obra erótica pódense tratar todos os temas sempre que desexemos aumentar a súa complexidade. A nosa incursión no ‘xénero’ prodúcese do mesmo xeito que se producen os acontecementos sociais e políticos que levamos a cabo cada día, desde que escollemos a roupa que vestir todas as mañás até a marca de papel hixiénico que compramos.

Verónica Martínez foto

Verónica obtivo o accésit no 2013 por “Ode à Madison Ivy e outras cousas de meter”.

No caso de O episodio, o erotismo chega a ser explícito ou credes que esta opción non é boa?

No Episodio resulta difícil extraer unha visión da concepción normalizada de erotismo xa que se explicitan situacións que poden ser ou non eróticas en función da óptica do lector ou lectora.

A importancia do erotismo non está no grao de visibilidade de determinados actos. O feito de que a pornografía estea banalizada non a elimina como recurso de expresión poética. O problema da pornografía radica na súa simplificación extrema e na obxectualización dos intérpretes, en maior medida das mulleres.

Por outra parte, a poesía erótica segue a ser un xénero minoritario na sociedade. Credes que son necesarias máis iniciativas como a de Malpica?

O erotismo é tan minoritario como o son as coplas de tradición oral. Non podemos esquecer que temos unha historia marcada pola expresión do erotismo en diferentes formas. Para a cultura audiovisual isto é unha ferramenta empregada até a extenuación. Neste último caso, falamos dun erotismo reaccionario utilizado, maioritariamente, para perpetuar estereotipos de xénero. O que fai falta é un erotismo que rache esas dinámicas. Neste sentido, premios como o que convoca a Asociación Caldeirón xunto co concello de Malpica, son un recurso fundamental.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario