“Non descartamos prolongar este período de ausencia e volver cun disco enteiro debaixo do brazo”, Martín Loureiro, voz dos Machina

Machina son Martín Loureiro á voz, Ángel Iglesias á batería, Gonzalo Grela á guitarra e Ángel Aguiar ao baixo. Gañadores dos Premios da Música 2013, son unha das referencias do metal en Galicia. Cantan en galego con letras comprometidas con cada época social e non lle gustan as etiquetas, xa que prefiren que sexa o propio ouvinte quen os defina. Desde Cerceda, levan máis de dez anos en activo mais non foi ata o 2006 cando comezan a súa madurez musical e publican o primeiro EP “Acouga”. Este sábado pechan na sala A Reserva de Carballo a xira de presentación de “A Síndrome de Nerón”, o seu disco máis recente. “Agardamos que haxa moita xente, moitos amigos e moi boa festa para despedir este ano de traballo constante”, comenta Martín. Con el falamos da banda.

MACHINA ENTREVISTA FOTO1

Xa van dez anos de Machina. En que momento nace o grupo e como xorde a idea?

Por ir van máis. En 2002 nace o xermolo de Machina cunha banda de versións chamada Co-incidencia. Pero realmente marcamos o 2006 coma o ano de orixe do proxecto, cando chegan á formación Martin e Mahi procedentes de Presencia Zero e, aínda que Mahi ten que deixar a banda ó pouco de unirse, entra Ángel á batería, tamén procedente da percusión deste grupo. Foi entón cando todos os compoñentes, pese á nosa curta idade, enganchamos cun proxecto ilusionante e decidimos levalo a cabo da forma máis seria e profesional posible. Digamos que foi o comezo da nosa madurez musical.

Definídesvos coma 30% de metal, 25% de hardcore, 20% de rock e 15% de punk. E o 10% que falta?

Esta definición pretende non definirse. É dicir, non cremos moito nas etiquetas. Considerámonos moi eclécticos e basicamente movémonos cara moitos estilos diferentes porque nós mesmos escoitamos moita música e estilos variados. Se eses porcentaxes apuntan a unha dirección, o 10% que falta é o que ti queiras poñerlle, a opinión que o ouvinte queira darlle.

Ao noso primeiro disco longo decidimos chamarlle “Post-Bravú” para reflectir unha mensaxe clara: se temos que definirnos preferimos ser os herdeiros de todos aqueles grupos que nos marcaron mentres medrábamos na vida e na música, e estes foron os grupos do Bravú, moitos deles guiados polo Porco Bravo máis famoso da TVG.

Din que “A síndrome de Nerón” é un álbum con máis guitarra e hardcore. Como se produce a evolución musical da banda desde  “Acouga”?

Pois dunha forma natural, a nosa música non é nada buscado “ex profeso”. Compoñemos mesturando os gustos de cada un. Está claro que nos inflúe e nos motiva moitísmo a música que cada compoñente escoita na tempada de composición.

Logo están as ideas. Cando comezas coa banda queres ensinar todo o que sabes e o producto final resulta máis confuso e ecléctico. Coa madurez, a idea de simplificar e compactar está moi presente no sentido de non fai falta que cada canción leve un anaco de todo o que sabemos facer, senón que leve xusto o que precisa para que o tema soe perfecto.

Sempre cantastes en galego. Quen dos catro se encarga das letras? 

En xeral as letras son miñas (Martin) aínda que ás veces Gonzalo, o guitarrista, que compón os riffs que dan comezo ó proceso compositivo da banda, pode traer algún esbozo tanto de melodía como de letra. A posteriori xa imos vendo se entra e vale como partida ou se queda fóra e se comeza de cero a escribir. Todos participamos no proceso compositivo no local de ensaio.

Neste sentido, que aporta cada un de vós ao grupo?

Somos un grupo autoxestionado e iso implica moito traballo. Por exemplo, eu ocúpome do deseño gráfico da banda e Gonzalo da administración (de ternos sempre un cachiño de molete para levar a boca). Ademais, consideramos que Machina somos 4+2  porque sempre nos acompañan Diego, que é o noso Manager e Road Manager, e César que é o noso “pipa” e salvavidas nos concertos.

“O apoio por parte das institucións é escaso e normalmente está enfocado cara os músicos de máis alto rango”.

O país conta cun nutrido número de bandas alternativas coma a vosa. O apoio desde as institucións é suficiente?

Conta con moitas bandas pero debería de haber outras tantas e, sobre todo, moitas máis cantando na nosa lingua. Consideramos que o apoio non é suficiente porque é escaso e normalmente enfocado cara os músicos de máis alto rango. As bandas alternativas temos que buscarnos a vida e ser autosuficientes: desde conseguir instrumentos, a lugar onde tocar, desprazamentos, etc. No caso dos Machina todo saíu das nosas mans ou de compañeiros e amigos que sempre están dispostos a botarche un cable.

“O Odio”, “Fódase”…letras actuais, comprometidas política e socialmente e coa rabia como factor clave. Que poder ten a canción como arma?

É o que nos rodea. Non somos entes alleos e iso vese reflectido na nosa música. En “Acouga EP” ou no “Post-Bravú” pódense escoitar letras máis “doces” e sentimentais, con poucos temas reivindicativos porque nese momento non había tantas outras preocupacións. Xa nos últimos discos, dada a situación actual, eso invírtese e falamos máis do descontento social, reivindicando novas formas de vida e cambios.

Por outra parte, moitas das nosas cancións baséanse nos filmes e libros que nos marcaron en cada época compositiva. Así, o “Post-Bravú” ten certa influencia de autores como Julio Cortázar ou Paulo Coelho, mentres que o “Ensaio Sobre o Silencio” bebe da Internacional Situacionista, sobre todo do libro de Guy Debord “La société du spectacle”. Pola súa parte, “A Síndrome de Nerón” xira arredor do filme “La Haine” de Mathieu Kassovitz . Agora mesmo estamos nun momento de cuestionarnos todo o que nos rodea e acontece, de fixarnos nos detalles, de pensar como vivimos e reflexionar cales son as cousas verdadeiramente importantes para un, algo que o autor francés Georges Perec definiu como o “Infraordinario”. Con isto quero dicir que seguramente as cancións rematen tendo un poder como arma pero realmente para nós son unha consecuencia máis ca un fin.

Fostes elixidos como a mellor banda de metal de Galicia nos Premios da Música 2013. Que vos supuxo o galardón?

Pois o primeiro un recoñecemento á nosa traxectoria, xa que sempre bromeamos ao respecto con que somos unha banda de fondo. Custounos moito conseguir cada pequeno paso adiante que demos, ninguén nos dous nada feito e traballámolo o mellor que soubemos desde o principio. Polo tanto, obter este premio supúxonos unha enorme alegría e orgullo porque significa que a pesar de non saber, de avanzar a cegas, parece ser que non fixemos as cousas tan mal como pensábamos.

Volvedes despedir ano na Reserva. Que vai pasar o sábado en Carballo?

Agardamos que aconteza de todo! Así o levamos preparado. Haberá convidados que nos acompañaron ó longo da nosa traxectoria e tocaremos temas -de todos os discos- que fai moito que non soan nos directos. Tamén faremos pezas en acústico, un rexistro totalmente diferente ó habitual co cal estivemos de xira fai uns catro anos. E sobre todo, agardamos que haxa moita xente, moitos amigos e moi boa festa para despedir este ano de traballo constante.

E logo…unha pausa temporal. Pensastes xa nalgún proxecto de futuro?

Compoñer, compoñer e compoñer! Tiñamos pensado sacar un EP que completase ó anterior pero por diferentes motivos persoais imos ter que variar un pouco máis a nosa folla de ruta. Non descartamos dilatar este período de ausencia e volver máis adiante cun disco enteiro debaixo do brazo. De todas formas, intentaremos organizarnos para poder facer un par de datas.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario