O Compás

DEMARCACIÓN XEOGRÁFICA

Din que os mariñeiros ingleses chamaban Costa da Morte a este recuncho da fin da terra dende o século XIV.  A Costa da Morte, ese ente que nunca foi comarca, nin xurisdicción nin nada polo estilo. Soamente un nome para uns cantís perigosos, un mar bravo, e centos de desaparecidos en naufraxios. Pero dende hai dúas décadas o nome da Costa da Morte recuperouse como un gran atractivo misterioso, lendario, mítico e, tamén, turístico. Pero nunca se chegou a delimitar oficialmente unha supracomarca que nunca existiu pero si ten numerosas características comúns entre os seus habitantes.

Nós atrevémonos a facer esa demarcación seguindo un patrón, como poderiamos ter seguido calquera outro. Demarcamos a nosa zona de actuación dende o Cabo Fisterra ata as Illas Sisargas e o cabo de Santo Adrián, en Malpica. Esta é, sen ningunha dúbida, a costa que comparte máis características comúns, dado a súa xeografía e tipo de litoral: abrupto, perigoso e recurtado. A partir de aí, polo norte continuaría a zona de transición cara a costa ártabra, e polo sur, a de transición cara as Rías Baixas do Norte, comezando na Ría de Muros-Noia.

Así recollemos os concellos que contan con mar en toda esta demarcación: Fisterra, Cee, Muxía, Camariñas, Vimianzo, Laxe, Cabana, Ponteceso e, finalmente, Malpica.

Que pasa con Corcubión, Dumbría e Zas? Se visualizamos o mapa de conexións, tanto territoriais como humanas, decidimos que quedan totalmente integrados nesta comarca inexistente chamada Costa da Morte.

Outro caso distinto é o de Carballo. Xeograficamente queda fóra da Costa da Morte, pero decidimos incluílo por ser un polo de influencia para todos os concellos do norte da rexión ó ser o núcleo máis importante. Pero sobre todo incluímolo ó contar cunha axenda cultural tan completa e intensa.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario